ASTURIANOS d'ASTURIAS n'ASTURIAS
21/01/2005
Hailos que nun perden a ocasión de salvanos.
«O galego podería resistir, pero non nas condicións actuais»
Salmantino de ascendencia asturiana, fala doce linguas, mais a que considera como a propia é o galego. Nel escribiu a súa novela xuvenil «O pai do artista», unha crítica ao materialismo
María Conde
O pai do artista supón unha crítica sutil á sociedade actual e ao seu materialismo. Nesta novela, un pai vende ao seu xefe os debuxos con que o agasalla o seu fillo.
-Adóitase pensar ao revés, que son os fillos os que se aproveitan dos pais...
-Non é un argumento tan disparatado, aínda que si levado ao extremo. A verdade é que hai moito pai solto que non ten escrúpulos ningúns. Eu traballei de mestre en Primaria e Secundaria moitos anos antes de pasar á Universidade e teño visto cousas incribles de certos pais. Ás veces penso que están cegos coa realidade que teñen dos fillos. Foi un pouco unha crítica, unha burla ante esa actitude. Hai nenos que son moi talentosos, que nas clases normais non fan absolutamente nada pero collen papel e lápiz e enchen follas e fan auténticas maravillas. Este argumento ocorréuseme a raíz diso, e tamén para ridiculizar a idea da arte no mundo actual. Eu son unha persoa de gustos clásicos e hai ás veces cousas que non entendo, que me parecen estupideces e son consideradas obras mestras. Entón quixen combinar ambos factores.
-Di que viu a pais facer cousas incribles. Conte algún exemplo.
-Sobre todo refírome a aqueles pais que son incapaces de recoñecer que os nenos poden levar unha dobre vida. Isto parece mentira. Hai nenos que na casa son auténticos santos e despois nas aulas son o peor demo. Os pais néganse a ver as evidencias e quen pagan as consecuencias son os mestres.
-¿Como calificaría a actual situación nas aulas?
-É desastrosa. Saín hai cinco anos, pero polo que falo con compañeiros vexo que cada vez vai a peor, desgraciadamente.
-¿E cal pensa que é a razón deste fracaso?
-É complexo, e penso que a lexislación non favoreceu en nada ou está mal aplicada. Pero tamén hai un cambio social moi grande, que non favoreceu que os rapaces teñan interese pola cultura. É un tema tabú. Eu teño unha filla de doce anos que devora libros, que ten unha cultura amplísima porque le, e ás veces queda pasmada diante dos seus compañeiros co grado de ignorancia que pode haber arredor. Gran parte do problema é ese, e seguro que se podería resolver se os nenos lesen varias horas ao día. A televisión podería ser educativa, pero felizmente non o é. Penso que as persoas que nos movemos no ámbito da literatura e da educación o que temos que facer é acadar que ese grupo de rapaces que si están interesados na lectura sexa cada vez maior.
-Fala doce linguas, ¿de onde lle ven esta afección polos idiomas?
-Non sei, ¿por que lle gustan a un as cousas? Adoro os idiomas e manéxome máis ou menos nas linguas románicas: da Península, todas agás o vasco, que non me interesa. Sei asturiano, aragonés, mirandés e logo italiano, sardo, francés, alemán, inglés, que é a lingua de traballo, e o árabe. É complicado, pero tento telos ao día. Agora comecei co checo.
-Parte dos seus estudos céntranse na promoción do galego en Asturias. ¿Como ve a situación actual?
-Ten unha situación crítica, basicamente por un problema político, porque desde case ningún ámbito asturiano se recoñece que o galego é unha lingua propia de Asturias. Fixeron un enxendro, que chaman galego-asturiano, que é unha lingua independente. Non é o único caso en España de linguas creadas por decreto.
-¿É dos que pensan que o galego pode desaparecer?
-Si, case todas as linguas minoritarias están condenadas á extinción. Podería resistir, pero non nas condicións actuais.
La Voz de Galicia, 21/01/2005
http://www.lavozdegalicia.es/buscavoz/ver_resultado.jsp?TEXTO=3388546
Por: FdN | Objective: Burma! | Comentarios (0) | Referencias (0)
Llido: 240 veces