ASTURIANOS d'ASTURIAS n'ASTURIAS
19/12/2005
MÉNDEZ FERRÍN con «Arraianos» sigue sacando-ye proveto a ocurrencia dos anos noventa
Os outros arraianos (por X. L. MÉNDEZ FERRÍN)
"Somos moitos os galegos que estamos cos arraianos da Terra Eo-Navia"
Esta columna recibe un aviso de Don Joaquín González Troncoso, bon aigo do autor: que quedamos no Aloia. Sáibase que o Aloia é un vedraio e venerábel café de Tui, cadeira maxistral de arraianidade aínda que, tamén ten sido frecuentado por certo señorío de caracter anti-portugués e non arraiano (iso era maiormente noutros tempos que presidía o Pacto Ibérico Franco/Salazar). O choio é que nos vimos no Aloia e que Quin me fixo entrega nada menos que da fotocopia dun carnet de arraiano expedido pola Dirección General de Seguridad no ano 1945.
Tal documento chamábase "Permiso Especial para rayanos" e nel figuraba unha foto do usuario e a marca dixital do dedo índice dereito. A persoa que gozaba do privilexio de ser recoñecido como arraiano podía con el atravesar a fronteira libremente a condición de non pernoctar nunca "fuera del territorio nacional". Supoño que os portugueses emitían outro cartón paralelo para os seus cidadáns arraianos.
Pero hoxe era o día de falar dos outros arraianos. Iste é dos galegos que, na división de España en provincias (iso si que foi unha boa desmembración) caíron polo Leste nas de Oviedo, León e Zamora. Son hoxe cen mil persoas que falan galego e teñen cultura galega aínda que oficialmente figuren como asturianos e castelán-leoneses dacordo coa terminoloxía rexionalista que se instaurou no actual réxime monárquico. Naturalmente, algúns destes outros arraianos deixaron de falar galego e non se senten de nacionalidade galega ou mesmo senten vergoña da súa condición e das súas raíces, cousa esta última que os emparella cun tipo humano moi frecuente na Galicia administrativa e cuxo arquetipo concretouse onte nun galego tan representativo como Francisco Franco e hoxe noutro non menos característico da Raza cal é Francisco Vázquez.
Os concellos administrativamente asturianos cuxos termos municipais se asentan no que algún galego de Asturias chamou Mesopotamia por estar comprendido entre os ríos Navia e Eo, teñen como lingua románica propia o galego, galego que está a ser desprazado polo castelán procedente e orixinario das bisbarras burgalesas de La Lora e La Bureba, moi lonxe e moi fóra de Asturias. O imperialismo e o militarismo castelán impuxo a súa lingua na Terra Eo-Navia como a impuxo en Galicia toda e nas Asturias propiamente ditas onde desprazou e humillou a lingua propia, de alí que é a que chamamos asturiana ou asturleonesa. O realmente disparatado é que sexan uns partidarios da normalización lingüística do asturiano, coma o grupo político Andecha Astur, os inimigos viscerais e activos da lingua e da gultura galega, da terra conavega. Á Andecha Astur únese agora a voz indocumentada de Álvarez Areces, en quen tanto e tan equivocadamente confiabamos para recoñecer a lingua galega como propia do seu Principado. Un comunista arrepentido ou repeso é sempre un comunista arrepentido ou repeso.
Somos moitos os galegos que estamos cos arraianos da Terra Eo-Navia, coa vella Britonia, cos seus escritores en galego, coas súas revistas, co seu folclore galego e coa loita prolongada de colectivos como a "Mesa pola Defensa del Galego de Asturias" ou "Abertal". Por estar até mesmo estamos coa identificación do cabalo das súas montañas, non con asturcón inventado ningún, senón co faco galiciano ou sexa de Pura Raza Galega.
Do Bierzo e das Portelas xa falaremos. Isto so está a comezar.
X. L. MÉNDEZ FERRÍN
Faro de Vigo, 19/12/2005
http://www.farodevigo.es/secciones/noticia.jsp?pIdNoticia=35979&pIdSeccion=5&pNumEjemplar=2485
Por: FdN | Objective: Burma! | Comentarios (0) | Referencias (0)
Llido: 266 veces